Profesorado da EMM

Rocío Balboa

Nace en A Coruña, cidade onde remata os seus estudos de Grado Superior de Música na especialidade de Frauta Traveseira co profesor Miguel Gil. Continúa a súa formación en Musikene, onde estuda o curso para posgraduados baixo a tutela de Miguel Ángel Angulo e Álvaro Octavio. Completa a súa educación recibindo clases de Vicens Prats, Jorge Caryevschi, Walter Auer, Will Offermans, Magdalena Martínez, Julia Gállego, Antonio Nuez, Fernando Gómez, Antonio Arias, Davide Formisano ou Salvador Martínez.

Ó longo da súa carreira, obtén o Primeiro Premio na categoría de solista no “II Certame de Intérpretes Mozos Hernán Naval” e o Primeiro Premio no “V Concurso Musical Caixanova” na categoría de Cámara co quinteto Ma non troppo.

Como solista, actúa coa Orquestra do Conservatorio Profesional de A Coruña en varias ocasións, coa Banda de Jóvenes Intérpretes de Aragón, e máis recentemente, coa Banda Municipal de Música de A Coruña. Forma parte de agrupacións como a NOGA (Nova Orquestra Galega das Artes) e a BASIAJ (Banda Sinfónica del Instituto Aragonés de la Juventud), baixo a batuta dos mestres Bert Appermont, David Maslanka, Matteo Giovanni Aderi, e Jordi Francés. Dende o ano 2013 colabora asiduamente coa Banda Municipal de Música de A Coruña.

No ámbito pedagóxico, estuda o Máster en Formación do Profesorado na VIU, Valencia International University, e asiste a distintos cursos de rítmica Dalcroze, percusión corporal ou dirección coral entre outros. É profesora de frauta na Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela dende o ano 2011.

  • Facebook - Círculo Negro
  • Twitter - Black Circle
  • Instagram - Negro Círculo
  • YouTube - Black Circle