Search

Festival de Nadal 2018

O venres 21 de decembro ás 19h o Teatro Principal acollerá o Festival de Nadal 2018 que tradicionalmente organiza a Escola Municipal de Música, iniciativa que vén a sumarse á ampla programación cultural e educativa da nosa cidade nestas datas. Un Festival das agrupacións e colectivos da EMM, no que se dá a coñecer o traballo desenvolvido ao longo destes meses, no que poderemos comprobar o traballo da Orquestra, composta por 37 músicos, a Orquestriña, con 17 compoñentes, a Bandiña, con 37 compoñentes, a Banda con 45 músicos, o Coro de nenos con 58 nenos, Coro de adultos con máis de 55 compoñentes, Agrupación de Música Tradicional con 30 compoñentes e o Combo de Música Moderna con 20 alumnos acompañados do profesorado da EMM e das familias que desexen asistir.

Na actualidade, a Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela conta cunha matrícula de 442 alumnos e alumnas a partir dos 3 anos; 18 profesores e profesoras que imparten 18 especialidades instrumentais, entre as que citamos: 31 alumnos de violín, 34 alumnos de piano, 21 alumnos de clarinete, 19 alumnos de percusión ou 13 de saxofón, por citar algúns dos instrumentos de maior demanda. Así mesmo, conta con numerosas agrupacións como a Orquestra, a Banda e os Coros de adultos e de nenos e nenas.

Neste novo curso escolar, do que levamos transcorridos só tres meses escasos, o claustro de profesorado da EMM e o Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago temos o empeño de ofrecerlle ao alumnado e ás familias que confían nesta institución musical para a educación musical dos seus fillos e fillas - e doutros grupos de idade matriculados-, todo tipo de oportunidades para promover a interpretación de música en vivo, realizando o maior número de concertos posibles das diferentes agrupacións musicais que integran a EMM, procurando buscar o acordo e a complicidade de diferentes colectivos de Santiago.

A estas alturas do curso xa temos participado en actos institucionais de relevancia para a vida cultural de Compostela (participación na entrega do XI premio internacional Compostela de álbums ilustrados), Microconcertos por Santa Icía, e pechado acordos de participación para realizar Concertos para a Veciñanza, colaboración coa Aula Hospitalaria do CHUS, coa Banda Municipal de Santiago, intercambios con outras agrupacións musicais de concellos con esta mesma vocación de educación musical, difusión da música na Rede de Escolas Infantís e outras iniciativas que irán dando cumprimento aos obxectivos da EMM. Sen esquecer a participación da EMM na campaña de sensibilización “Compostela en negro”, iniciativa da Concellería de Igualdade, na que todo tipo de colectivos do mundo da educación – tamén a nosa Escola- colaboran nos obxectivos de igualdade entre mulleres e homes e na erradicación da violencia de xénero.

Do mesmo xeito aproveitaremos para rendir unha profunda homenaxe a Xosé Manuel Rodríguez-Abella, xefe do Departamento de Educación e Cidadanía e persoa sen a que non se pode entender a historia recente da Escola Municipal de Música.

A práctica da música conleva no noso proxecto pedagóxico que todo o alumnado teña o maior número de oportunidades para interpretar e improvisar arredor da música. A comprensión e o goce da música polo alumnado da EMM debe desenvolverse por medio de actividades que xunten posibilidades de interpretar e de escoitar a arte da música.

Convidámosvos a participar nesta nova edición do FESTIVAL DE NADAL DA ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA.


63 views
  • Facebook - Círculo Negro
  • Twitter - Black Circle
  • Instagram - Negro Círculo
  • YouTube - Black Circle