Search

A Escola volve aos centros escolares e escolas infantís con máis concertos didácticos

Updated: Mar 2

O director da Escola Municipal de Música, Fernando Rei, e o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentaron hoxe os concertos didácticos que a EMM dará nos centros escolares e nas escolas infantís durante os meses de febreiro e marzo. Estas sesións didácticas teñen como obxectivo promover o achegamento da música aos máis pequenos e pequenas na rede de centros educativos de Compostela. O ciclo está destinado ao alumnado do 1º e 2º curso de Educación Primaria e tamén ás crianzas do ciclo 0-3 anos.

Manuel Dios sinalou que este programa "trata de achegar os contidos que merece unha formación musical de calidade para os máis pequenos e pequenas". Na mesma liña se pronunciou Fernando Rei, quen sinalou que "dende a Escola Municipal de Música estamos moi contentos de amosar o traballo que facemos na escola e de transmitir o marabilloso que é facer música".

En cada xornada, dous músicos da EMM visitan os centros educativos. Presentan os instrumentos (clarinete e saxofón, violín e frauta traveseira, acordeón e guitarra, trombón e trompeta, viola, guitarra eléctrica e percusión), describen as súas características e posibilidades melódicas e explican as diferentes formas musicais de interpretación. Os músicos interpretan ao tempo diferentes pezas musicais.

As sesións son duns 50 minutos, aproximadamente. Nesta novena entrega do Ciclo participan os seguintes dúos: clarinete e saxofón, violín e frauta traveseira, violín e viola, trombón e trompeta, acordeón e guitarra, e guitarra eléctrica e percusión. As sesións comezaron o pasado martes 5 de febreiro en horario de 10:00 e 11:30 horas e continuarán todos os martes de febreiro en varios centros educativos.



44 views
  • Facebook - Círculo Negro
  • Twitter - Black Circle
  • Instagram - Negro Círculo
  • YouTube - Black Circle