Search

A Escola Municipal de Música continúa coa actividade docente a través de internet

A Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela continúa coas súas actividades a través de internet durante o período de confinamento decretado por mor dar crise sanitaria. Segundo sinala a concelleira de Educación, Noa Díaz, "estase a impartir docencia a través de videochamadas no seu horario habitual, ao tempo que se envía a través de correo electrónico todo o material necesario, así como vídeos explicativos das actividades a realizar". Deste modo, e coa axuda das novas tecnoloxías, o centro mantén a atención ás persoas usuarias coa maior normalidade posible.


Ademais, en aras de limitar, na medida do posible, o impacto económico nas familias usuarias da Escola Municipal de Música, o Concello de Santiago decidiu suspender, de xeito temporal, o cobro dos recibos, con efectos no mes de abril e durante o tempo posterior, se fose o caso, que se manteña esta situación excepcional do estado de alarma. Noa Díaz explica que o Departamento municipal de Educación xa ten informado ás familias de todo o alumnado sobre estas medidas. En conxunto, hai un total de 413 persoas beneficiadas.


As propostas didácticas elaboradas polos distintos departamentos da Escola Municipal de son as seguintes:


Departamento de Música e Movemento (alumnado de 3 a 7 anos)


Impartir clase de Música e Movemento a nenos e nenas de 3 a 7 anos é un dos maiores retos aos que está a dar resposta a Escola Municipal de Música. Educar na musicalidade nas idades temperás de xeito non presencial supón a procura de alternativas creativas, imaxinativas, e moito esforzo de deseño e de comunicación por parte do equipo pedagóxico deste departamento.


Por iso, o persoal docente está "entrando" semanalmente nas casas das familias usuarias a través das pantallas, facendo vídeo-titoriais cantando, bailando, tocando e contando contos para que os máis de 100 cativos e cativas do centro poidan continuar a súa formación musical, cos seus mestres e coa actividade semanal que desenvolvían na Escola.


Departamento de Especialidades Instrumentais


Ao tratarse dunha materia de aprendizaxe maiormente individual, as clases desenvólvense a través dunha aplicación informática para móbil ou ordenador. Esta ferramenta permite realizar videoconferencias, reunións en grupo, envío de arquivos e incluso o emprego da pantalla do ordenador a modo de encerado, facilitando todo tipo de interacción entre o docente e o dicente. Ademais, o profesorado está dispoñible a través do seu enderezo electrónico para resolver dúbidas ou completar as tarefas encomendadas ao alumnado.


Departamento de Especialidades Teóricas


O Departamento de Linguaxe Musical tamén adaptou a súas disciplinas ao traballo en liña, utilizando a ferramenta informática para a interacción entre o alumnado e o profesorado, a través da titorización e seguimento das actividades encomendadas; e coa remisión, por parte da alumna/o, dun audio coa lección semanal. Unha vez revisada polo docente, pásase á seguinte unidade didáctica. Co obxecto de facilitar as rutinas diarias, o alumnado debe enviar os seus audios durante o tempo establecido de clase.


Departamento de Agrupacións da EMM


Fonte ás limitacións que impón o sistema telemático, estase realizando un labor coordinado entre o profesorado das diferentes agrupacións e os de instrumentos individuais. Basicamente consiste na gravación e edición de playbacks que se envían ao alumnado, mentres este reenvía vídeos ou gravacións que poden revisar e corrixir os seus respectivos profesores e profesoras.


Nalgunhas especialidades, coma o Coro Infantil, estanse poñendo en marcha iniciativas grupais en streaming. Tendo en conta que a Escola Municipal de Música ten un alto índice de alumnado adulto, ofrécense varias opcións formativas para garantir o acceso de todas e todos, ben con videochamadas ou ben con videoconferencia.


O traballo no ámbito das agrupacións céntrase na preparación de propostas musicais relacionadas cos recursos sostibles, o ecoloxismo e a reciclaxe, xa que esta é a temática escollida para o Festival de Fin de Curso, programado, en principio, para o 19 de xuño. No caso de que se vexa afectado polas medidas de confinamento, realizarase no momento no que a situación o permita.


Ademais, dende que se decretou o estado de alarma, mantívose a actividade habitual da Secretaría da Escola Municipal de Música, aínda que realizando pequenos axustes. En concreto, continúa a atención ás persoas usuarias mediante teléfono, correo electrónico e interacción nas redes sociais; continúa cos labores administrativos a través da modalidade de teletraballo; e nos casos que se precise, funciona como enlace entre profesorado-alumnado para unha boa comunicación.


0 views
  • Facebook - Círculo Negro
  • Twitter - Black Circle
  • Instagram - Negro Círculo
  • YouTube - Black Circle