Matrícula

Música e Movemento 3 a 7 anos (MeM)

Plan de Educación Xeral (PEX) de 8 a 15 anos

Plan de Educación Para Adultos (PEPA) de 16 anos en diante

 

Preinscrición e matrícula para o novo alumnado na EMM de Santiago de Compostela curso 2021/22

(Procedemento aprobado en Xunta de Goberno Local o 15 de marzo de 2021)
 

Publicación de prazas vacantes: 7 de maio de 2021

 

Período de preinscrición: do 10 ao 31 de maio de 2021

No caso de haber máis solicitudes que prazas realizarase un sorteo público o 10 de xuño de 2021

Exposición pública das listas provisionais de admitidos na 1ª convocatoria a partir do 11 de xuño de 2021

Período de reclamacións: 10 días naturais dende a publicación de admitidos provisionais

Exposición pública da relación definitiva de admitidos a partir do 22 de xuño de 2021

Matrícula para os admitidos: do 23 ao 30 de xuño de 2021

 

 

1. Os prazos oficiais de preinscrición e matrícula, aprobados pola Xunta de Goberno Local publicaranse no taboleiro da EMM, na páxina web do Concello de Santiago (www.santiagodecompostela.gal) e na web da EMM (www.esmucompostela.es), segundo o seguinte procedemento:

 

A exposición de prazas vacantes (1ª convocatoria) publicarase o 7 de maio de 2021. Unha vez que o alumnado da EMM renove a súa praza para o curso escolar 2021-22, o centro publicará no seu taboleiro de anuncios, na súa web (www.esmucompostela.es) e na web municipal (www.santiagodecompostela.gal) o número de prazas vacantes en cada especialidade instrumental e o plan formativo ao que corresponde (Escola de música infantil, Plan educativo xeral, Plan educativo para persoas adultas).

 

Período de preinscrición (do 10 ao 31 de maio de 2021): As persoas interesadas en matricularse deberán presentar a solicitude de preinscrición ben por medios electrónicos ou de xeito presencial con cita previa no Rexistro xeral do Concello de Santiago (Rúa do Presidente Salvador Allende 4, Galeras), ou en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

 

 

Para solicitar a cita no Rexistro Xeral do Concello de Santiago poden chamar ao teléfono 881 505 107 ou facelo a través da páxina web: https://citaprevia.santiagodecompostela.gal/

Se presenta a solicitude a través da sede electrónica do Concello de Santiago

(https://sede.santiagodecompostela.gal/ ) escolla o trámite “Inscrición na Escola Municipal de Música” dentro do catálogo de trámites dispoñible.

 

As prazas adxudicaranse pola seguinte orde:

 

1º Fillos/as do persoal do centro, segundo o indicado no artigo 80 do VI Convenio colectivo de empresas de ensinanza privada sostidas total ou parcialmente con fondos públicos, que di :

”Preferencia de praza en postos escolares.- A preferencia de praza en posto escolar considérase respecto á empresa do traballador, sempre que este teña unha dedicación polo menos igual á metade da xornada laboral anual, para calquera nivel educativo dos alí impartidos e se así o permiten as características propias da empresa.”

                                              

2º Persoas empadroadas no concello de Santiago ou que cursen estudos da ensinanza obrigatoria ou estudos de grao medio, superior ou estudos universitarios en Santiago con irmáns matriculados actualmente na EMM:

Se se dispón de prazas suficientes, realizarase a matrícula directa nos prazos aprobados pola Xunta de Goberno Local.

 

De existir máis solicitudes que prazas, realizarase un sorteo público no Concello de Santiago o 10 de xuño de 2021.

 

3º Persoas empadroadas no concello de Santiago ou que cursen estudos da ensinanza obrigatoria ou estudos de grao medio, superior ou estudos universitarios en Santiago:

 

Se se dispón de prazas suficientes na modalidade solicitada, realizarase a matrícula directa nos prazos aprobados pola XGL.

 

De existir máis solicitudes que prazas, realizarase un sorteo público no Concello de Santiago o 10 de xuño de 2021.

 

Resultado do sorteo e listas de agarda (no caso de ter que realizarse o sorteo público):

 

Se se obtén a praza solicitada, a persoa seleccionada debe formalizar a matrícula nos prazos aprobados pola Xunta de Goberno Local.

 

Se non se obtén a praza solicitada, pasará a formar parte dunha lista de agarda onde se establecerá a posición en función do número de entrada asignado no Rexistro Xeral.

No caso de non haber prazas vacantes, pode solicitar praza e incorporarse a unha lista de agarda, que terá validez ata o 29 de outubro de 2021.

 

Exposición pública das listas provisionais de admitidos en 1ª convocatoria o 11 de xuño de 2021.

 

Período de reclamacións: 10 días naturais dende a publicación da lista provisional de admitidos.

 

Exposición pública da relación definitiva de persoas admitidas: 22 de xuño de 2021.

 

Período de matrícula (do 23 ao 30 de xuño de 2021):

A matrícula formalizarase na secretaría da EMM nos prazos indicados. De non formalizarse a matrícula no período correspondente decaerá o dereito á praza obtida (aínda constando o alumno/a na relación definitiva de admitidos) e terase por desistido da solicitude, arquivándose o expediente e non figurando nas listas de agarda.

 

Listaxes de agarda:

 

Os solicitantes interesados nunha especialidade que se imparte na Escola pero na que non existen prazas vacantes actualmente, poden inscribirse nunha listaxe de agarda (neste caso, unicamente poden inscribirse nunha especialidade). As listaxes de agarda terán validez ata o 29 de outubro de 2021 (agás para Música e Movemento que se estenderá ata o 28 de xaneiro do 2022).

 

As persoas interesadas en matricularse deberán presentar a solicitude de preinscrición ben por medios electrónicos ou de xeito presencial con cita previa no Rexistro xeral do Concello de Santiago (Rúa  Presidente Salvador Allende 4, Galeras), ou en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

 

Para solicitar a cita no Rexistro Xeral do Concello de Santiago poden chamar ao teléfono 881 505 107 ou facelo a través da páxina web: https://citaprevia.santiagodecompostela.gal/

Se presenta a solicitude a través da sede electrónica do Concello de Santiago ( https://sede.santiagodecompostela.gal/) escolla o trámite “Inscrición na Escola Municipal de Música” dentro do catálogo de trámites dispoñible.

 

 

O antigo alumnado da EMM (que finalizou o plan educativo de 8 anos) poderá solicitar praza na mesma especialidade instrumental que cursou, só de existir prazas vacantes, a partir do 29 de outubro de 2021 e só durante un curso escolar.

 

Documentación que deben achegar xunto coa solicitude de matrícula:

 

  • Aquela documentación que indique a Ordenanza de prezos públicos de Santiago como necesaria para beneficiarse das bonificacións ou exencións que se establezan.

  • Anexos 1 e 2 (dispoñibles na EMM, na web do Concello ou no Departamento Municipal de Educación) e autorización de saída do centro no caso das persoas menores de idade.

  • Fotocopia do DNI ou folla do libro de familia onde figura o alumno/a.

  • Fotocopia da tarxeta sanitaria do alumno/a.

  • Xustificante bancario de ter satisfeito as taxas de matrícula na conta bancaria habilitada para tal efecto (se non se está exento do pago).

  • Declaración responsable (Protocolo COVID-19).

 

A EMM rexistrará todas as matrículas con indicación da data de entrada, e o nome da persoa solicitante. Entregarase unha copia á persoa solicitante.

 

A dirección da escola, mediante escrito, enviará ao Departamento de Educación, unha vez rematado o prazo de admisión de novas matrículas, unha listaxe coa relación de solicitudes entregadas dentro e fóra de prazo (se é o caso), indicando nome, DNI, data de rexistro, e a especialidade na que se matricula e procederase á exposición da relación definitiva de matriculadas e da lista de agarda, logo da súa aprobación pola Xunta de Goberno Local.

 

NORMAS XERAIS DA EMM:

 

O pagamento realizarase por meses anticipados dentro dos 8 primeiros días de cada mes. A falta de pagamento dunha mensualidade implicará a baixa automática na escola. Tanto o procedemento de pago como de cobro pode verse modificado de acordo coas instrucións dos servizos económicos do concello.

 

No suposto de que con posterioridade á presentación da solicitude e antes do primeiro día de clase, a persoa solicitante desistise por escrito do servizo solicitado, procederase á devolución de oficio do importe aboado.

 

As solicitudes de baixa deberán ser presentadas sempre por escrito e antes do día 25 de cada mes na EMM. De non ser así cargarase o recibo correspondente ao mes seguinte.

 

Ás clases só poderá asistir o alumnado matriculado na Escola que teña aboado os importes correspondentes ás taxas de matrícula e as mensualidades nos prazos establecidos. As persoas usuarias que non teñan pagado as cotas correspondentes serán dadas de baixa automaticamente.

 

As clases impartiranse nas instalacións da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela (Predio deVista Alegre. Rúa das Salvadas, s/n. 15705 Santiago de Compostela) durante o curso escolar, respectando os períodos vacacionais do calendario escolar establecidos pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia no curso escolar.

 

A asistencia ás clases debe ser regular. No caso de ausencias inxustificadas (como máximo 3 por trimestre/materia) ou incumprimento das normas que regula o Proxecto educativo do centro, a Comisión de Coordinación Pedagóxica tomará as medidas oportunas, incluso a baixa no centro, logo da comunicación e de acordo co Departamento de Educación do Concello de Santiago.

 

A estrutura e o plan de estudos pode facer necesaria a flexibilidade nos horarios (reestruturación de grupos, promoción dos niveis de ensino, audicións colectivas…) polo que poderán ser modificados ao longo do curso.

 

En calquera caso, a preferencia por un horario e/ou profesor/a non é un dereito.

Só se poderá cambiar de especialidade instrumental por motivos xustificados e logo do pedimento razoado por escrito da persoa interesada, acompañado do informe do profesor/a, e que deberá ser aprobado pola Comisión de Coordinación Pedagóxica do Centro.

 

Cando un alumno/a non poida acudir a clase prégase, sempre que sexa posible, que se realice a correspondente comunicación ao centro coa maior antelación posible.

 

A comunicación co equipo directivo e o profesorado da EMM deberá solicitarse con cita previa.

 

A sinatura do impreso de matrícula leva consigo a aceptación das normas xerais da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela.

 

CALENDARIO ESCOLAR:

 

O curso académico someterase ao calendario escolar que fixe anualmente a Consellería de Educación da Xunta de Galicia para infantil e primaria. O horario xeral do centro estará reflexado na programación xeral anual, e a Escola poderá ofrecer actividades fóra do calendario escolar previsto logo de presentar a proposta para a súa aprobación polo órgano competente do Concello de Santiago de Compostela.

 

 

PREZO PÚBLICO:

 

De acordo coa Ordenanza 4.30. Prezo público pola prestación dos servizos da Escola Municipal de Música- Modificación aprobada por acordo do Pleno da Corporación o día 31 de outubro de 2012. Publicada no BOP da Coruña de 31 de decembro de 2012:

 

Matrícula anual: 59,50 €

 

Cotas mensuais:

Música e Movemento_

Iniciación (música e movemento I): 35,65 €

Formación básica (música e movemento II): 35,65 €

Práctica instrumental (curso completo) PEX ou PEPA: 53,50 €

Práctica instrumental + actividades instrumentais de conxunto: 42,80 €

Formación musical complementaria a práctica instrumental (linguaxe musical): 35,65 €

 

  • Facebook - Círculo Negro
  • Twitter - Black Circle
  • Instagram - Negro Círculo
  • YouTube - Black Circle