Profesorado da EMM

Guillermo Alzugaray

Comeza os estudos de violoncello aos 10 anos de idade no Conservatorio de Música de Irún da man de Iñaki Etxepare. Continúa a súa formación no Conservatorio Superior de Música de Aragón, onde estuda cos profesores Ángel Luís Quintana, Mayte García, e David Apellániz. En música de cámara recibe os ensinos do Cuarteto  Casals, Cuarteto Quiroga e Kennedy Moretti, e especialízase en música antiga con Silvia Márquez. Completa a súa formación na Escola de Altos Estudos Musicais coa profesora  Barbara Switalska. Recibiu os ensinos de mestres como  Christophe Coin, Alban Gerhardt, Daniel Müller-Schott, Miguel Jiménez, Xavier Gagnepain, ou Herre-Jan Stegenga.

 

No terreo orquestral foi integrante da Orquestra Xove do País Vasco (EGO), da Camerata Aragón, e violoncello principal da Orquestra Xove da Comunidade de Madrid. Tamén colaborou con orquestras como a Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra de Cadaqués, ou a Jeune  Orchestre Atlantique, actuando baixo a batuta de directores como Sir Neville Marriner, Salvador Más, Antoni Ros-Marbá, Juan Luís Martínez, Alejandro Posada, Jordi Bernàcer ou David Afkham. Con estas e outras formacións tocou en escenarios como o Palacio Euskalduna, o Auditorio Kursaal, o Auditorio de Zaragoza, o Auditorio de Galicia, o Auditorio de León, os Teatros do Canal, o Teatro Degollado en Guadalaxara (México), ou nos Inválidos, en Paris. No verán de 2014 realiza unha xira de concertos a dúo co violoncellista Guillermo Turina que lles leva a tocar en lugares tan emblemáticos como o Stadhius van Brugge en Bruxas ou a Sagrada Familia de Barcelona.

 

Membro da Orquestra de Cámara Galega, dende o ano 2010 é profesor de  violoncello na Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela. Desenvolve tamén o seu labor como intérprete e compositor en diferentes espectáculos teatrais, obtendo en 2016 o premio ao mellor espazo sonoro no Festival Internacional de Teatro de Vila  Nova de  Gaia (Portugal). Tamén conta no seu haber con diversas gravacións discográficas en diferentes estilos musicais, que abarcan desde o blues e rock ata as bandas sonoras.

  • Facebook - Círculo Negro
  • Twitter - Black Circle
  • Instagram - Negro Círculo
  • YouTube - Black Circle